"ENCONTROS DE BANDA DESEÑADA NA MARIÑA" I.E.S. Perdouro -Burela-

24/04/14

O labor do tradutor

Dentro das actividades desenvolvidas en torno aos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña, a biblioteca do IES Perdouro de Burela contou coa visita de Isabel Soto e Xavier Senín, os tradutores ao galego da voz dos irredutibles galos Astérix e Obélix. O alumnado de francés de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato asistiu a unha charla que tivo por título "O labor do tradutor".
Isabel Soto iniciou a conferencia repasando a historia dos autores e personaxes da banda deseñada francesa así como das súas primeiras versións en galego e incidiu na importancia de traballar en equipo para os tradutores. Pola súa banda, Xavier Senín contounos as dificultades idiomáticas coas que se atopan para trasladar os textos ao galego. Ámbolos dous manifestaron que traballaron con gran secretismo para a estrea mundial -o pasado mes de outubro- do último número da BD, Astérix e os Pictos. Alén do labor de Isabel e Xavier, o equipo de Uderzo leva a cabo unha rigorosa supervisión de todas as traducións das súas obras.
Transmitiron con esta charla interesantísima a paixón polo sétimo arte e espertaron entre o alumnado o interese  pola profesión de tradutor, moitas veces esquecida.


Artigos de prensa relacionados coa saída da BD en galego: 

Entrevista a Xavier Senín en CRTVG:
A tradución ao galego. Entrevista a Xavier Senín

11/04/14

Cartel dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña


Agradecemos a colaboración desinteresada do ilustrador Daniel Vilas por ceder unha das súas ilustracións para o cartel dos encontros deste ano. (Imaxe do personaxe Pingüino de Batman)

02/04/14

Obradoiro de BD por Primitivo Marcos - sesión 1

O debuxante e guionista lucense, Primitivo Marcos, impartiu este mércores 2 de abril a primeira parte dun obradoiro de Banda Deseñada no I.E.S. Perdouro.

Dentro dos VI Encontros de BD na Mariña, esta actividade dirixíase, neste caso, ó alumnado de 1º de E.S.O que tivo a oportunidade de coñecer en persoa o autor de recoñecidas publicacións de BD como O Mariscal Pardo de Cela, María Castaña, Aventura no Camiño de Santiago I (actualmente está a traballar na segunda parte), ou Os Fernández (na revista Golfiño), entre outras moitas.

Primitivo Marcos iniciou o alumnado no mundo da viñeta e amosoulles como dar os primeiros pasos para crear unha BD sen desesperarse por mor de que o debuxo e a historia se resistan a saír da imaxinación. E púxolles un reto: crear as primeiras personaxes dunha breve historieta. Conseguírano?