"ENCONTROS DE BANDA DESEÑADA NA MARIÑA" I.E.S. Perdouro -Burela-

28/05/14

Ecos na prensa: Clausura dos VI Encontros de BD na Mariña 2014

Recorte na Mariña do Progreso (28/05/2014)


Recorte na Voz da Mariña (28/05/2014)

27/05/14

Acto de entrega dos premios do Concurso de creación de banda deseñada - VI Encontros de BD na Mariña

A continuación da conferencia do debuxante Fran Bueno, procedeuse á entrega dos premios aos gañadores e gañadoras das distintas categorías no concurso de creación de banda deseñada que se convoca cada ano. 


Abriu o acto de entrega o director do IES Perdouro, Santiago J. Pérez. O Tenente Alcalde do Concello de Burela, Manuel Fernández, a edila de Cultura, Mónica Pedre, xunto co debuxante foron os encargados de entregar os premios e diplomas aos gañadores do certame de Banda Deseñada que nesta ocasión foron para os alumnos e alumnas do CEIP de Cervo, do IES María Soliño de Cangas do Morrazo, do IES Xunqueira I de Pontevedra e, na categoría libre, para participantes de Pontevedra e A Coruña. Pechou o acto o Tenente Alcalde felicitando e agradecendo iniciativas educativas de índole creativa como esta.

Acto de clausura dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña 2014

O martes 27 de maio tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro de Burela o acto de clausura dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña asi como a entrega de premios.

O debuxante santiagués Fran Bueno foi o invitado de excepción na clausura dos sextos Encontros de Banda Deseñada na Mariña que se celebraron no IES Perdouro de Burela.

Fran Bueno é un debuxante con gran proxección internacional xa que foi o primeiro autor galego en traballar profesionalmente no sector comercial do cómic estadounidense. Ademais ten no seu aval o prestixioso premio Castelao de cómic 2013 convocado pola Deputación da Coruña.
Durante a súa intervención, Fran Bueno falou do seu día a día como debuxante de cómic e explicou ao seu público a importancia da lectura da imaxe. Falou da relevancia do trazo, do grosor das liñas, das sombras. Repasou o proceso de creación dunha viñeta dende o debuxo, o entintar, o feito de colorear e sen esquecer os globos, ferramenta que intensifica en moitos casos os tonos en que falan os personaxes. En resumidas contas, unha imaxe é un conxunto de curiosidades que ten como único obxetivo emocionar os lectores de banda deseñada. O artista soupo captivar a atención de todo o público que se viu inmerso no apaixoante mundo da viñeta. Como broche final, o recoñecido debuxante fixo un simpático debuxo dedicado ao alumnado do centro.


23/05/14

GAÑADOR@S DO CONCURSO DE CREACIÓN DE BD 2014

Foron fallados os premios do concurso de creación de BD no marco dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña.

CATEGORÍA ESCOLAR ATA 14 ANOS

    o 1º premio foi obtido por Carolina Cordido García do CEIP de Cervo coa obra "Piricadas"

   o 2º premio foi para Laura Herbello Piñeiro do IES María Soliño coa obra "Anna nunha aventura submarina"

CATEGORÍA ESCOLAR ATA 18 ANOS

    o 1º premio recibiuno Daniel Noya Pintos do IES A Xunqueira 1 de Pontevedra pola banda deseñada "Fálame do Mar"

    o 2º premio foi para unha obra titulada "Albor" presentada por Alicia Martínez Abal, alumna do IES A Xunqueira 1 de Pontevedra.

CATEGORÍA ABERTA

    o 1º premio foi obtido por Inés Vázquez Ramallal coa obra "Sempre Abril"

    o 2º premio foi para José Miguel Martínez García (Guionista) & Óscar López Gómez (Debuxante) coa obra "A eternidade dun intre"

A organización quere mostrar o seu agradecemento a todos os participantes e especialmente aos docentes e alumnado dos centros educativos que amosaron o seu interese por estes Encontros.

22/05/14

Clausura dos VI Encontros de Banda Deseñada 2014

franbueno2.jpgContaremos para clausurar os encontros de BD na Mariña con Fran Bueno, recoñecido debuxante con gran proxección intercanional, o primeiro autor galego en traballar profesionalmente no sector comercial do cómic estadounidense e recentemente galardonado co Premio Castelao 2013 de Banda Deseñada da Diputación da Coruña.  

O martes 27 de maio ás 12h20 na biblioteca abrirán o acto, o director, Santiago Pérez, a Vicedirectora, Karina Parga, a concelleira de Cultura, Mónica Pedre e o tenente alcalde, Manuel Fernández.

21/05/14

Obradoiro de BD por Primitivo Marcos - sesión 2

O debuxante e guionista lucense, Primitivo Marcos, impartiu a segunda sesión do obradoiro de Banda Deseñada iniciado no pasado mes de abril ao alumnado de 1º de ESO.

Primitivo deixoulles unha tarefa que desenvolver por equipo, reto que supervisou  o seu profeosr de debuxo, José Díaz. Os alumnos tiveron que recrear unha historieta a partir dun guión, duns diálogos e  duns debuxos. O primeiro paso era ordenar as viñetas segundo o guión e colocar os bocadillos. En cada equipo, cada quen tiña determinada unha función. Logo de consensuar entre eles a ordenación da historieta, cada quen tiña asignado a tarefa de ordenación das viñetas, colocación dos diálogos, colorear os debuxos. Unha vez terminado este primeiro paso, se lles propuxo aos alumnos rematar a historia con un par de viñetas segundo a súa imaginación. Houbo de todo, o clásico final feliz ata o final máis vingativo!! Foi un obradoiro de moito proveito!!

Agasallos dos premios do Concurso de creación de BD - VI Encontros de BD 2014





19/05/14

Reunión do xurado do Concurso de Banda Deseñada - 2014

Continúan as actividades relacionadas coa Banda Deseñada organizadas polo IES Perdouro de Burela.

O xurado do concurso reuniuse hoxe para comezar a valoración das obras participantes nesta sexta edición. 

Farase público o fallo do xurado o vindeiro venres 23 de maio.